
PERTE de dixitalización do ciclo da agua
O control e a correcta xestión do uso da auga en España é un desafío constante, no que as distintas administracións traballan de maneira coordinada para a súa xestión adecuada. Este proxecto impulsa o uso das novas tecnoloxías da información no ciclo integral da auga, o que permitirá mellorar a súa xestión, aumentar a súa eficiencia, reducir as perdas nas redes de subministración e avanzar no cumprimento dos obxectivos ambientais marcados pola planificación hidrolóxica e as normativas internacionais.
O PERTE de dixitalización do ciclo da auga configurouse na súa redacción como un proxecto estratéxico coa previsión de mobilizar nos próximos anos 3.060 millóns de euros en investimentos públicos e privados. Tamén persegue activar a creación de preto de 3.500 empregos de calidade, abrindo novos nichos profesionais na xestión da auga en campos como o da enxeñaría, o tratamento de datos, a ciencia e as telecomunicacións.
Financiaranse programas de axudas para impulsar a dixitalización dos distintos usuarios da auga. O principal obxectivo destas subvencións é avanzar na protección do medio ambiente, a mellora da xestión dos recursos hídricos e a loita contra o cambio climático e o reto demográfico.
Ao longo deste ano e en 2023 lanzáronse e lanzaranse varias convocatorias de axudas para administracións e entidades competentes no ciclo urbano da auga, a industria e para comunidades de regantes e usuarios de augas subterráneas. Esta liña de actuación conta cun investimento directo de 1.700 millóns de euros, que atraerá unha mobilización adicional de 1.120 millóns mediante colaboración público-privada.
Destinaranse 200 millóns de euros á dixitalización no regadío. Entre outras medidas, estas axudas irán destinadas a aumentar a implantación de contadores nas tomas de auga e nas parcelas, mellorar os sistemas de control da humidade e condutividade do solo, aumentar a medición dos aportes de fertilizantes ou automatizar os sistemas de rega.
O PERTE propón un investimento de 225 millóns de euros para modernizar e impulsar a dixitalización nos organismos de conca e nos Sistemas Automáticos de Información Hidrolóxica. Máis aló de facilitar a dixitalización dos trámites administrativos, o proxecto servirá para reforzar os programas de seguimento e control dos vertidos mediante sistemas de monitorización en tempo real.
En canto ao marco normativo que acompañe todos estes cambios, o PERTE contempla, entre outras medidas, unha modificación da Lei de Augas que inclúa os avances en dixitalización e unha actualización do Regulamento de Dominio Público Hidráulico que aposte pola teledetección no control dos usos da auga e marque as condicións tecnolóxicas para os novos aproveitamentos. Ademais, crearase o Observatorio da Xestión da Auga en España, unha ferramenta de gobernanza que permitirá manter toda a infraestrutura dixital que se vai implantar.
Segundo os datos achegados na adenda ao Plan de Recuperación aprobado pola Comisión Europea o pasado 2 de outubro de 2023, o PERTE de Dixitalización do Ciclo da Auga disporá de 3.055 millóns de euros adicionais, ata un importe total de 3.485 millóns de euros pola súa relevancia para a autonomía estratéxica.
Contemplaranse, entre outras, inversións para a mellora da capacidade e eficiencia da desalinización nas Concas Internas de Cataluña (Tordera II e Foix) e na Demarcación Hidrográfica das Concas Mediterráneas Andaluzas (Costa do Sol e Levante Almeriense).
